Federación de Libreiros de Galicia
PREGÓN FEIRA DO LIBRO DE VIGO Por XOSÉ CID CABIDO
Isoutro día, calculo eu que na primavera, e con certeza a comezos do outono do ano pasado, xa todos eramos conscientes de que Jesús Vázquez e Anxo Lorenzo, que foran nomeados conselleiro de Educación e secretario de Política Lingüística respectivamente, estaban decididos a cargar contra o idioma galego e os seus falantes cal unidade panzer contra indefensa aldea polaca. A algúns de nós veunos á memoria aquela frase que seica fora pronunciada por un ministro de economía de Margaret Thatcher, cando xa o desartellamento da Unión Soviética era un feito irreversible: «A partir de agora ninguén ten dereito a nada». Ou mesmo chegamos a visualizar, nunha extrapolación aínda máis esaxerada e extemporánea, aquela arrepiante imaxe do Lawrence de Arabia de David Lean, na que Peter O’Toole berra coma un tolo momentos antes de masacrar unha columna de soldados turcos: «¡Non hai prisioneiros!». E desculpen que a miña falta de formación dramática me impida reproducir esa frase coa furia e crueldade que transmite a interpretación maxistral do actor irlandés. Así estaban as cousas no outono de 2009 e algúns tiñamos a impresión de que conviña prepararse canto antes pra conter aquela brutal ofensiva. Botando mán dos vellos métodos de resistencia antifranquista, tiven a feliz idea de convocar ós meus amigos pra propoñerlles unha campaña de pintadas en defensa do galego. A reunión concertouse nun lugar segredo, por suposto. Creo que era un mércores, día escollido a mantenta pra evitar toda idea de espallación esmorgativa asociada coa fin de semana. Aínda así tivo éxito. Pedímoslle a Jon, o vasco que leva a Meiga, alí en Elduayen, que nos trouxera algo de picar e unha botella de Ribera del Duero. Quizais por militancia cos produtos galegos, houbo quen tentou sen éxito introducir algunha outra opción na marca e procedencia do viño. Comezou a reunión e debo dicir que o debate foi un tanto caótico e disperso. Coma sempre nestes casos, alguén propuxo facer plantillas, ou sexa fabricación de alto nivel, mentres outros defendiamos con teimosía a pintada directa, con sprai, rápida e sen complicacións. A principal dificultade estaba en idear frases expresivas, orixinais, combativas e non moi longas. Mentres se barallaban diferentes ocorrencias, alguén repetía unha e outra vez que a idea máis rompedora sería asociarse con non sei que organización de Puerto Rico defensora do castelán fronte á crecente presión do inglés. Supoño que se trataba dunha ironía. Outro, probablemente un pintor, propuña reproducir un debuxo, de fasquía un chisco tristeira, que consistía nunha cara con dúas linguas e que iría acompañado da frase: «A ningún pobo lle impoñen o seu propio idioma», ou algo así polo estilo. Que agora que o penso, non era tan mala idea. Por suposto, rematada a primeira botella de Ribera en cousa de minutos, pedimos outra, e continuamos intercambiando opinións. Unha das voces máis realistas insistía en que todo canto puidésemos inventar xa fora feito mil veces e que as pintadas políticas xa non tiñan a estas alturas ningunha repercusión na opinión pública. Ben, o certo é que transcorridas as primeiras dúas horas, decidín tirar a toalla na miña condición de convocante. As conversas, entón xa por capelas, derivaran a outros asuntos e ninguén mencionou sequera de pasada a conveniencia de concretar ningún acordo. Saímos á rúa e comezamos a camiñar en dirección á porta do Sol. Na entrada do Príncipe, na parede do edificio de Madariaga, podía lerse unha pintada que dicía: «Na Galiza em galego». E houbo quen dixo: Vaia, parece que xa nos colleron a dianteira. E eu quedei pensativo: ¡unha pintada a prol do galego pero feita en portugués, que raro! Logo iriamos atopando esa mesma frase reproducida por distintas rúas da cidade. Nos meses sucesivos os acontecementos seguiron o curso que todos coñecemos. A actual administración da Xunta realizou enquisas malogradas sobre as liguas a empregar en distintos niveis de ensino, e fixo circular propostas desatinadas pero sempre cun obxectivo ben claro: reducir a presenza do idioma galego no sistema educativo á mínima expresión imaxinable, actuando con descaro e prepotencia en contra do parecer da maioría da poboación. Intención que se plasmou no cínico e nefasto Decreto de Plurilingüísmo. Nalgún momento que non podo precisar, a finais de 2009, reparei na aparición de pintadas sen mensaxe explícita, que consistían só nunha cifra: 26.945. Recordo telas visto en varios lugares, por todo Vigo, máis chamativas aínda que aqueloutras de «Na Galiza em galego». Non tiña datos suficientes pra interpretar o seu significado, así que, como diría calquera dos meus amigos profesores de filosofía, mantiven todo xuízo en suspensión. O libro, en palabras do editor Luís Mariño, antes ca nada é un obxecto. Ten forma, peso, cor, textura e por suposto olor. Se mal non recordo, na película Sexo en Nova York hai unha escena en que a protagonista, Sarah Jessica Parker, se mete na cama cun pircadías rosa de seda natural, un colar de perlas (sorprendente) e un libro procedente dalgunha biblioteca pública (máis sorprendente). Mentres Jessica Parker se acomoda con moita elegancia na cama e fala co seu macro-noivo (o actor Chris Noth), un non pode evitar preguntarse de que vai o libro que ten nas mans. Pronto descubrimos que se trata dunha recompilación de cartas de amor de homes ilustres (Napoleón, Mark Twain, Oscar Wilde, Flaubert, Mozart, Beethoven, Lord Byron...), pois a situación culmina, obviamente, coa lectura que fai Jessica Parquer dunha desas cartas, concretamente unha –agora famosa– escrita por Beethoven. Como consecuencia desa breve escena, trala estrea de Sexo en Nova York as librarías de estados Unidos e Inglaterra recibiron centos de peticións deste libro... un libro que en realidade non existía. Polo menos non exactamente co mesmo título. E que finalmente a firma Pan Macmillan decidiu editar pra beneficiarse da publicidade asociada coa película. É dicir, que pra empezar un libro é un obxecto que atrae a nosa atención, que excita a nosa curiosidade, incluso antes de coñecermos o seu contido. Motivo polo cal algunhas persoas non soportamos a tentación de comprobar cal é o título do libro que alguén esta a ler nunha sala de espera, nun tren ou en calquera parte. Pois ben, ultimamente, coa chegada do soporte dixital ou ebook, existe unha crecente preocupación en determinados sectores da industria e comercio tradicional do libro. Unha preocupación que considero infundada, polo menos en parte. E xa que falamos da forma dixital entendida como unha posible competencia co libro en papel, apunto unha curiosidade: o primeiro programa de libros dixitais foi rexistrado polo poeta e filosofo estadounidense de orixe colombiana Zahur Klemath Zapata en 1993, e a primeira obra publicada nese medio foi Do asasinato considerado como unha das belas artes de Thomas de Quincey, que ó parecer se pronuncia «Qüinsi». Hai dúas semanas falaba disto precisamente o escritor Miguel Anxo Murado nun artigo de prensa. No ton relativizador que o caracteriza, afirmaba: «Os soportes de libros dixitais, que ían ser o agasallo estrela do pasado Nadal, están aborrecidos nos escaparates dos grandes almacéns, con cara de desempregados de longa duración. Na Feira do Libro en Madrid e en Frankfurt, onde tamén se dicía que ían triunfar, non se lles viu o pelo, xa por terceiro ano consecutivo; e o xigante de Internet Amazon non para de perder cartos a esgalla co seu trebello de ler. Agora mesmo, os libros electrónicos non supoñen máis dun 3% do mercado do libro nos Estados Unidos e menos do 2% en España.» Non sei se, á velocidade en que se actualiza o mercado nestes tempos, esas porcentaxes representan un éxito logo de transcorridas case dúas décadas. Sobre todo se as comparamos coa fulminante e xa irreversible implantación dos teléfonos móbiles. Pero os procesos de cambio cultural prolongados no tempo non son nada extraordinario. Por exemplo, sempre se sostivo por parte dos especialistas que a lectura silente fora práctica xurdida nos mosteiros na alta idade media, pois tomaban como orientación o libro VI das Confesións onde Agostiño de Hipona, máis coñecido como san Agostiño, refire a súa estupefacción ó sorprender a un tal Ambrosio (logo ascendido tamén a santo) percorrendo cos ollos o texto dun libro «sen proferir palabra nin mover a lingua». Mais, rompendo con esa crenza, na Vida de Sócrates de Antonio Tovar publicado en 1947, cóntase que un mozo ateniense chamado Eutidemo tiña costume de se pechar na súa casa pra ler en solitario e cultivarse prescindindo das leccións dos sofistas e da transmisión oral de sabedoría. Cito a Tovar: «Socrates aproveitou a primeira ocasión pra sinalar en presenza do fermoso mancebo Eutidemo que tanto pra aprender calquera oficio como pra dirixir unha cidade era necesaria a doutrina dos mellores mestres (...). Sócrates vía nos libros –el, non escritor, senón predicador– un inimigo perigoso, que lle daría ó saber demasiada certeza e favorecería o illamento, a ciencia aprendida nun recanto, e, por conseguinte, o envaidecemento e orgullo solitario.» Pero este comentario pode ter unha interpretación ambigua, pois pecharse pra ler só non implica necesariamente facelo en silencio. Na Atenas do século V a.e. quizais se consideraba unha extravagancia a lectura en solitario, pero había quen a practicaba, como veu demostrar o artigo do helenista inglés Bernard Knox publicado en 1968, A lectura silenciosa na Antigüidade, onde fai referencia a dúas obras dramáticas: unha o Hipólito de Eurípides, traxedia escrita arredor do 428 a.e., e outra Os cabaleiros de Aristófanes, peza satírica do 424 a.e. En ámbalas dúas aparecen pasaxes nas que se menciona a lectura individual e silente. Agora ben, en realidade, sería só a partir dos séculos XVI e XVII, trala aparición da imprenta, cando se multiplicou a produción de libros e estes comezaron a ser accesibles pra un público máis amplo, o que traería como consecuencia inevitable a práctica habitual da lectura tal como a coñecemos hoxe. Semella claro que os cambios na forma, fabricación e utilización do libro ó longo da historia non se produciron de xeito brusco e repentino. A pregunta que cabe facerse é a seguinte: ¿canto vai tardar un director de cine en facer que Jessica Parker, ou calquera outra actriz de comedias románticas, se vexa na tesitura de ir prá cama cun colar de perlas, un picardías satinado rosa e un aparello informático na man, decidida a ler cartas de amor escritas por Beethoven pra estimular unha conversa co seu mozo sobre o matrimonio? Por certo, a escena non sería exactamente a mesma, posto que na orixinal Jessica Parker, xuraría eu, fai o xesto de achegar o libro á cara pra gozar do seu arrecendo. Vexamos algúns casos semellantes na adaptación dos costumes como consecuencia dun cambio na produción de obxectos de consumo: Por exemplo, a recente aparición no mercado dos coches eléctricos, ós que han de suceder probablemente os coches de hidróxeno, non parece que vaian conseguir a desaparición poño por caso das bicicletas, que levan dende 1885 sen sufrir modificacións relevantes. Por exemplo, despois de múltiples e enxeñosos esforzos por parte da industria máis sofisticada que abastece o mercado das ópticas, centos de millóns de persoas resistímonos en todo o mundo a utilizar lentes de contacto e xa non digamos a deixarnos levantar a córnea pra levar a cabo unha operación de discutibles resultados, de maneira que seguiremos gastando lentes normais con total naturalidade. Por exemplo, logo de inventarse materiais de todo tipo, con poliuretano e formatos novidosos coma o chamado sandwich, que se popularizaron coa moda do famoso andar baixo cuberta, vai quedando demostrado que nunha casa a estructura do tellado a catro augas e os materiais propios da arquitectura tradicional son os que mellor cumpren a función de regulador térmico, especialmente se aceptamos que o espazo dun faiado só ten utilidade como rocho pra gardar tarecos e nunca será útil pra vivir nel as persoas. Por exemplo, no seu día gastouse moita tinta en divulgar un trebello informático denominado CD-Rom que hoxe, xa esquecido por completo, ninguén podería defender e que xamais chegou a ter ningunha utilidade práctica. E así poderiamos enumerar moitos outros casos nos que se fai evidente a tensión ficticia no mercado entre o que se necesita de verdade e o que algúns fabricantes se empeñan en vendernos como signo imprescindible de modernidade. Espantados polo menos en parte os fantasmas que ameazan o libro clásico, quizais poidamos retomar a cuestión do noso idioma e as iniciativas políticas en contra da súa normalización. Isto sería como dicir o segundo chanzo, pois un libro é un obxecto que contén un texto baseado nun código de signos que nos transmite un contido. A pesar de ler a prensa con relativa frecuencia e considerable atención, non recordo ningunha noticia nos últimos meses que fixese referencia ó significado da enigmática cifra 26.945, que aparecera como dixen dende finais de 2009 nas paredes de Vigo e, polo que logo souben, tamén doutras cidades galegas. Finalmente unha persoa de confianza púxome na pista correcta. Busquei a información en internet e descubrín que a organización Mocidade pola Lingua fixera público o pasado 15 de abril un comunicado explicando a intención desa campaña de pintadas: ó parecer, 26.945 é o número aproximado de galego falantes que se perden cada ano. Unha información pouco alentadora, dende logo, e difícil de contrastar. Máis edificante sería, poño por caso, divulgar as ducias de milleiros de persoas que cada ano toman a decisión de recuperar o uso social da súa lingua materna ou sumarse como neofalantes malia recibir o galego tratamento de lingua allea no ensino e ser por completo ignorado con soberbia nos principais medios de comunicación do país. En calquera caso, eu confío plenamente na lucidez do conxunto do pobo galego pra rexeitar as voces mesquiñas que nos queren arrastrar cara o suicidio cultural, confío na fortaleza histórica do pobo galego pra vencer os atrancos impostos e facerse visible no mundo con dignidade. Nos próximos anos e décadas, unha cantidade crecente de libros en calquera soporte seguirán termando de milleiros de palabras escritas na mesma lingua que empregaron os autores das cantigas medievais, a mesma lingua pola que nos manifestamos en Santiago este pasado 17 de Maio, e eramos multitude, a mesma lingua na que esta noite intercambiaremos alegres rexoubes cos amigos polas rúas e prazas de Vigo, a mesma lingua en que Novoneyra escribiu hai máis de medio século, estes versos: Neva no bico do cume neva xa pola ladeira neva no teito e na eira. ... ... ... Eu a ollar para o lume i o lume a ollarme. O lume sen queimarme
fai de min fume... Vigo, 2 de xullo de 2010
X.C.C
 |
 |
| 
|
O Libro Galego
Eiquí pode descargar o arquivo comprimido que contén "O Libro Galego", unha base... |
|
|
|